O consumo responsable é un concepto que entende que os cidadáns farían ben en cambiar determinados hábitos de consumo, axustándoos ás necesidades reais e decidindo actos que favorezan a conservación do medio ambiente e a igualdade social. Conscientes de que un consumo excesivo, superfluo e innecesario, resulta daniño para a vida do Planeta e, polo tanto, para tódolos seus habitantes.
Un consumo responsable axuda a erradicar a pobreza e favorece o coidado do medio ambiente, mellora a distribución dos recursos (sociais, ecolóxicos, económicos…) entre tódolos habitantes da Terra.
Cando se mercan produtos de comercio xusto ou alimentos de cultivo ecolóxico, cando se emprega o transporte público ou a bici, cando empregamos lámpadas de baixo consumo, cando se aposta por empresas responsables ou decidimos investir o noso diñeiro na banca ética.
Incluso cando eleximos as nosas vacacións, podemos decidir apostar por un turismo sostíbel, tamén cando apoiamos campañas contra a explotación laboral, actuamos como consumidores/cidadáns responsables.
Por que ser un consumidor responsable?
Hai moitas razóns polas que deberiamos ser consumidores responsables na sociedade. As máis importantes son:
Contribuímos activamente a que sexan efectivos os dereitos de información, eleción e reclamación dos consumidores e usuarios para fomentar a RSE.
Mostramos solidariedade e respecto para tódalas persoas implicadas nos procesos de produción dos produtos ou a prestación de servizos que gozamos. Esta solidariedade baséase na consciencia de vivir nunha comunidade global. Non soamente nos debemos preguntar: que efecto ten o meu consumo en min, senón tamén nos demais.
Protexemos o medio ambiente e deixaremos ás xeracións vindeiras unha contorna saudable.
Se exercemos o consumo de modo responsable, aproveitamos o noso poder de influencia para cambiar a realidade económica.
Outro mundo é posible, e a través dun consumo responsable, podemos poñer o noso granito de area para facelo realidade.
REDUCE
Busca un termo medio e reduce o consumo de tódolo "superflúo" así coidamos o medio ambiente e gozamos máis do que verdadeiramente nos apetece consumir
REEMPREGA
Volve a utilizar obxectos que a cultura do usar e tirar converte en lixo. Pon un pouco de creatividade e búscalles unha nova utilidade, ou mantén a de sempre e pensa na natureza antes de tirar as cousas.
RECICLA
Converte os obxectos e envases de desfeito, así o material do que están fabricados poderá volver a ser utilizado e estarás aforrando enerxía e materias primas.